luns, 23 de abril de 2018

Día do Libro 2018

A biblioteca estendeuse hoxe aos corredores, exteriores e distintos recunchos do centro para ser testigo do apadriñamento lector que tivo lugar con motivo do Día Internacional do Libro 2018.

Aínda que nun principio valoramos que os alumnos/as de cursos superiores exercesen de padriños e madriñas lectores dos máis pequenos, consideramos que a experiencia sería máis enriquecedora se tamén os cativos lesen aos maiores.

Os obxectivos que se acadan con esta actividade non só gardan relación co ámbito lector, senón que tamén é unha ocasión perfecta para fortalecer vínculos entre o alumnado do centro: compartindo momentos de charla , intercambiando impresións e participando nunha agradable XORNADA DE CONVIVENCIA.

Unha oportunidade de aprender a pensar cos libros: cos contos, coas novelas, coa poesía, co teatro... aprender a pensar coa convivencia... Porque ao final trátase diso, de aprender a pensar xuntos, de APRENDER A PENSAR ENTRE TODOS.

"Se queres que os demais che digan o que tes que facer, non leas. Se queres que os demais che digan o que tes que pensar, non leas. Se queres que a publicidade che diga o que tes que mercar, non leas. Se queres vivir coma un robot que outras persoas programan, non leas. Non leas, porque a lectura é incómoda. Non leas porque a lectura che revolve a cabeza. Non leas porque a lectura te pon contra as cordas. Non leas, porque a lectura é rebelión. Así que, por favor, é mellor que non leas." 
Fran Alonso


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que esta Quinta estea viva depende de ti.